Queres crear un sitio web pero non tes claro como comezar ou que poderías publicar nel?
Aquí van nove ideas pensadas para proxectos que temos ao noso arredor. Non son grandes portais nin webs imposibles de manter. Son sitios que podes construír pouco a pouco, co teu propio enderezo en fala e sen saber programar.
1. Un blog persoal para escribir ao teu ritmo

Un lugar para publicar as túas opinións, crónicas, lecturas, receitas ou todo aquilo que agora queda perdido entre publicacións nas redes sociais.
Non tes que escribir todos os días nin ser o novo Ibai da creación do contido en galego. Publicas cando tes algo que contar e cada texto queda ordenado e accesible desde o teu propio enderezo.
Mira máis exemplos de sitios persoais.
2. Un porfolio para ensinar o que fas

Se pintas, fas fotos, escribes, deseñas, produces música ou traballas con artesanía, podes reunir nun só sitio os proxectos dos que te sintas máis orgulloso.
Unha portada clara, unha páxina sobre ti, unha selección de traballos e unha forma de contactar contigo. Quen chegue á web entende o que fas sen ter que buscar entre meses de publicacións.
Mira sitios pensados para creadores e artistas.
3. A web dunha asociación ou dun colectivo

Unha asociación necesita un lugar estable onde explicar quen é, anunciar as próximas actividades e indicar como participar ou contactar.
Na web tamén poden quedar as novas, as fotografías e a memoria do que se vai facendo. Así a información non depende de quen leve as redes sociais nese momento nin desaparece cando cambia a directiva.
Mira propostas para asociacións e colectivos.
4. Un escaparate para un negocio ou un profesional

Un negocio pequeno non necesita unha web enorme. Necesita responder ben a tres preguntas: que fas, onde traballas e como poden contactar contigo.
Podes presentar os servizos, ensinar traballos reais, publicar os horarios e deixar visibles o teléfono, o correo ou unha ligazón para pedir cita. É especialmente útil para profesionais, obradoiros, estudos e negocios locais que viven das recomendacións.
Mira exemplos para negocios e profesionais.
5. Unha revista cultural ou un medio local

Un barrio, unha vila ou unha comarca tamén poden ter o seu propio medio. Un sitio onde publicar entrevistas, axenda, opinión, historia local ou recomendacións culturais.
Cada artigo queda no seu sitio, organizado por temas e cunha ligazón que se pode compartir. Non é preciso competir por publicar máis ca ninguén: abonda con contar ben o que non aparece noutros medios.
Mira deseños para medios e revistas.
6. A casa dun podcast ou dun programa de radio

As plataformas serven para escoitar, pero non sempre explican ben quen está detrás dun programa nin permiten ordenar todo o material que o acompaña.
Na túa web podes crear unha páxina para cada episodio, engadir o audio, un resumo, as persoas convidadas e as ligazóns mencionadas. Queda un arquivo completo do programa e un único enderezo para compartilo.
Descubre o que fala ofrece a medios e publicacións.
7. O sitio dunha aula ou dun proxecto educativo

Unha aula, unha biblioteca, un equipo de dinamización da lingua ou un proxecto de centro poden ter un espazo propio para publicar materiais, actividades e traballos.
Podes usalo para compartir o que se está facendo coas familias e con outros centros, pero tamén para gardar os proxectos de cada curso nun arquivo que siga dispoñible o ano seguinte.
Mira exemplos para centros educativos.
8. A web dunha festa, festival ou evento

Antes do evento podes publicar o programa, os horarios, como chegar e toda a información práctica. Durante eses días podes avisar de cambios. Despois quedan as fotografías, a crónica e un lugar ao que volver na seguinte edición.
É unha solución útil para comisións de festas, festivais pequenos, xornadas, encontros e actividades organizadas por colectivos locais.
Mira máis opcións para asociacións e colectivos.
9. O punto de encontro dun club

Un club deportivo, un grupo de sendeirismo ou unha agrupación afeccionada pode reunir nun sitio as próximas saídas, os calendarios, as crónicas e a información para facerse socio.
As redes poden servir para avisar, pero a web é onde alguén novo entende que facedes e atopa todo sen ter que preguntar nun grupo privado.
Mira sitios para colectivos e asociacións.
Cal podería ser o teu?
Non tes que encaixar exactamente nunha destas nove ideas. Unha asociación pode publicar unha revista, un artista pode manter un blog e un negocio pode compartir o que aprende no seu oficio.
Comeza por algo concreto: que queres que atope unha persoa cando entre na túa web?
Con esa resposta xa podes preparar a portada, unha páxina para explicar o proxecto e a primeira publicación.

Deixa unha resposta