Cando alguén che ofrece unha web de balde, a pregunta xusta é a outra: e ti que gañas con isto? Xa contei nesta serie quen paga Fala.gal.
Hoxe toca falar de que pasa cos datos das persoas que visitan ou usan Fala. A resposta curta é nada.
A longa, a continuación.
Ningún rastrexador de terceiros
Para saber cantas visitas ten un sitio non fai falta entregarllas a Google. Eu aprendino tarde, porque agora mesmo si está instalado un código de Google Analytics.
Porén iso vai cambiar.
No novo Fala.gal a analítica está aloxada nun servidor con software libre (Matomo) na súa versión free cookies, así que os datos de quen te le non saen para ningunha empresa de fóra.
Non hai Google Analytics. Non hai píxel de Facebook. Ninguén está a construír un perfil da xente que entra no teu sitio.
Sen captchas externos
Os captchas de Google ou de Cloudflare (eses «demostra que non es un robot») son cómodos, pero cada vez que aparecen mándanlle información do visitante a esas empresas.
Por iso a protección contra o spam nos formularios de Fala.gal faise na casa, coas nosas propias comprobacións, sen chamar a ninguén de fóra.
Polo menos, intentarémolo agás que sexa imposible conter os ataques de spam.
O contido de fóra non carga ata que ti queiras
Tomouse moi en serio a parte da privacidade e do bloqueo de recursos externos na nova versión de Fala.
Un vídeo de YouTube ou un mapa incrustado son, tamén, terceiros que poden seguir a quen te visita, aínda que non lle dea a play.
No novo Fala eses contidos non se conectan a nada ata que a persoa acepta: mentres tanto vese un recadro noso, sen unha soa conexión por detrás. E cando se aceptan, o vídeo de YouTube cárgase no seu modo sen cookies.
Por que me molesto
A idea é simple: os teus datos, e os das persoas que te len, non son un produto. Unha web en galego de balde non ten por que pagarse vendendo a quen a visita.
Se todo isto che parece obvio, mellor.
Pero na maioría dos sitios gratuítos non o é, e por iso o conto.

Deixa unha resposta