Fala é unha ferramenta pensada de principio a fin para crear.
Para crear en galego, nun lugar de teu e cunha ligazón que poidas compartir. Para que o que publicas non desapareza aos poucos días nunha rede social. Para que forme un arquivo aberto ao mundo e dispoñible en todo momento.
Con Fala 1.0 a cousa púxose interesante.
Ademais de publicar, agora tamén podes construír un sitio atractivo, ordenalo ao teu gusto e facer que teña unha imaxe propia.
Hai un proxecto que xunta moi ben esas dúas partes: moito contido e un deseño renovado.
Media Laranxa. Máis de 140 entradas nun sitio propio
Media Laranxa está en Fala desde outubro de 2020. Chegou cando a rede botaba a andar e foi un dos primeiros proxectos que apostou por ter aquí a súa casa.
Desde entón publicou máis de 140 entradas.
Cada receita conserva o seu texto, as súas fotografías e unha ligazón propia. Non é contido que haxa que volver buscar nas súas redes sociais. Aquí está ordenado, pódese enlazar e continúa visitándose anos despois de publicarse.
Ese arquivo tamén lle permitiu darlles un lugar estable ás colaboracións con marcas. Hai receitas realizadas con proxectos como Deleite ou Bico de Grao que continúan accesibles no blog.

Receitas, horta, lingua e tradicións
Media Laranxa non é só unha colección de receitas. O proxecto organízase arredor de tres temas que se relacionan entre si.
Receitas
Receitas doces e salgadas, pratos tradicionais e novas ideas para levares á mesa. O arquivo permite buscas por categorías como sobremesas, receitas veganas, verduras e hortalizas, almorzos, peixe, pastas ou petiscos.
Horta
Ideas, experiencias e consellos para cultivar na casa e aproveitar o que nos dá cada estación. A horta e a cociña funcionan xuntas. Así, pódese explicar de onde veñen os ingredientes e como usalos no seu mellor momento.
Lingua e tradicións
Palabras, sabores e costumes que forman parte da nosa maneira de cociñar e celebrar. O sitio inclúe tamén un dicionario propio que relaciona gastronomía e lingua.

O mesmo arquivo, cunha imaxe renovada
A chegada de Fala 1.0 non obrigou a Media Laranxa a comezar de cero. As entradas, as fotografías, as categorías e as páxinas que foi creando durante estes anos continúan aí.
O que cambiou foi a maneira de presentalo.
- Unha portada nova, cunha cabeceira visual, acceso directo ás receitas e ao dicionario, as últimas publicacións e unha selección das categorías máis útiles.
- Un menú máis claro, que leva ás receitas, ao dicionario e á información sobre o proxecto.
- Entradas redeseñadas, con máis espazo para as fotografías, os ingredientes e os pasos de cada receita. Tamén incorporan botóns para compartir e ligazóns ás categorías relacionadas.
- Categorías máis sinxelas de percorrer, cunha grella de artigos, buscador, navegación entre páxinas e acceso ao resto de temas.
- Páxinas estáticas adaptadas ao novo deseño, para que a información do proxecto teña a mesma identidade que as receitas.
- Un pé de páxina útil, con buscador, proxectos amigos, redes sociais e as ligazóns legais de fala.
Non se trata de decorar un blog que xa existía.
Trátase de aproveitar mellor todo o traballo acumulado e facer máis doado que unha persoa atope unha receita, descubra o proxecto e continúe navegando.



A web e as redes sociais fan traballos distintos
Ter unha web non é incompatible con publicar nas redes sociais. As redes son para conversar, crear unha comunidade, potenciar a túa marca e chegar a máis xente.
A web é para outra cousa: ordenar, conservar e darlles un enderezo propio aos teus contidos.
Unha publicación nas redes pode levar persoas ata unha receita un día. Porén, a receita en Fala continúa dispoñible no sitio, pode aparecer nun buscador e forma parte dun arquivo que medra contigo.
Media Laranxa ensina ben esa combinación da que falamos. As redes axudan a mover o contido e o sitio dálle unha casa.
O momento de comezar é agora
Non precisas ter máis de 140 entradas para abrir a túa web. Media Laranxa tamén comezou pola primeira.
Crea o teu sitio, escolle un deseño e publica algo que pague a pena conservar. Co tempo, cada nova páxina e cada novo artigo irán construíndo un lugar que sexa realmente teu.

Deixa unha resposta