Como importar o teu blog de Blogger ou WordPress.com a Fala

Se levas meses ou anos publicando noutro servizo, crear un sitio en Fala non significa deixar atrás todo ese traballo nin copiar as entradas unha a unha.

Podes exportar o contido do teu blog de Blogger (Blogspot) ou WordPress.com e solicitar que o traslademos ao teu novo sitio.

O proceso ten dúas partes: primeiro descargas unha copia desde a plataforma na que publicas agora e despois envíasnola. Nós revisamos o ficheiro e encargámonos da importación.

Antes de comezar, unha recomendación importante: non borres o blog anterior nin o poñas en privado ata que rematemos o traslado e comprobes que o contido chegou correctamente.

A exportación crea unha copia con referencias ao sitio anterior. Así que necesitamos, na medida do posible, que continúe en liña.

Se o borraches, non pasa nada, intentarémolo facer igualmente. E adoita ser con éxito. Porén, mellor primeiro importar e logo, se ti queres, desactivar o sitio anterior.

Como exportar o teu blog de Blogger / Blogspot

Entra en Blogger coa conta na que tes o blog que queres trasladar. Se administras máis dun, comproba que seleccionaches o correcto.

No menú lateral, preme en Configuración.

Baixa ata a sección Xestionar blog e escolle Facer unha copia de seguranza do contido.

Na xanela que aparece, preme en Descargar.

Blogger abrirá Google Takeout. Comproba que Blogger é o produto seleccionado e preme en Seguinte paso.

Podes deixar as opcións que aparecen por defecto: recibir a ligazón de descarga por correo electrónico, facer unha única exportación e crear un ficheiro ZIP.

Despois preme en Crear exportación.

Google preparará a copia. Pode tardar, polo que non tes que deixar a páxina aberta: recibirás un correo cando estea lista.

Descarga o ficheiro ZIP desde esa mensaxe.

O máis sinxelo é que collas ese ZIP e nolo envíes por email a soporte@fala.gal ou o subas desde o teu panel de importación.

Como exportar o teu blog de WordPress.com

Entra no panel do sitio que queres trasladar. Abre Ferramentas e selecciona Exportar.

Escolle Todo o contido e preme en Descargar ficheiro de exportación.

WordPress.com preparará un ficheiro XML en formato WXR co contido do sitio. Ese arquivo é o que necesitamos.

Non peches nin poñas en privado o sitio de WordPress.com aínda. O ficheiro de exportación contén referencias ás imaxes do blog e necesitaremos acceder a elas durante o traslado.

Se a descarga inclúe varios ficheiros XML, gárdaos todos e envíanolos por separado a soporte@fala.gal.

Como traer o ficheiro a Fala

Se aínda vas crear o sitio, entra en crear un sitio.

Cando o asistente che pregunte «Por onde empezas?», escolle «Traer un sitio que xa teño». Indica se vés de Blogger ou de WordPress.com e escribe o enderezo actual do blog.

Unha vez o sitio está creado, ou se xa o tes creado de antes, entra no seu panel e abre Importar contido ou Importar/Exportar contido.

Selecciona o XML de WordPress.com ou o ficheiro de Blogger que preparaches e envíao.

Se ocupa máis do permitido pola pantalla, non intentes dividilo: envíanos o ficheiro ao email soporte@fala.gal. Se é extremadamente pesado, podes compartilo connosco vía Drive ou sistema análogo.

Despois abre unha consulta desde o centro de axuda do panel. Indica o enderezo do sitio orixinal, a plataforma da que vés e o sitio de Fala no que queres importar o contido.

A importación non se executa automaticamente ao subir o ficheiro.

Primeiro revisamos a súa estrutura e o contido dispoñible. Logo facemos o traslado e comprobamos o resultado contigo.

O contido viaxa. O deseño, se cadra non…

Importar un blog non significa copiar o tema, os menús, os engadidos nin toda a configuración do sitio anterior. O contido adaptarase ao funcionamento e ao deseño de Fala.

Cando remate o proceso, revisa varias entradas antigas, as páxinas principais, as imaxes, as categorías e as ligazóns internas. Se algo non chegou como esperabas, responde na mesma consulta para que poidamos comprobalo antes de pechar o blog anterior.

O importante é que todo o que xa escribiches poida seguir medrando nun lugar de teu, en galego e aberto ao mundo.

O deseño visual, iso si, terás que repasalo e, se cadra, adaptalo.

Crea o teu sitio en fala e trae contigo o que xa publicaches.

Comparte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *