Como ben sabes, WordPress é a base técnica de fala. Pero non debería ser unha materia que haxa que estudar para publicar.
Por iso, ao entrar no teu sitio xa non atopas o escritorio habitual, con menús pensados para instalar extensións, revisar ferramentas técnicas ou configurar un servidor. Atopas un panel propio, a todo ancho e en galego.
O cambio é algo máis que visual. Intenta mellorar a experiencia dun usuario sen coñecementos técnicos que sodes, en esencia, quen usa Fala.

Todo o importante, diante
O escritorio comeza cun saúdo e unha frase simple: este é o espazo desde o que xestionas o que se publica no teu sitio.
Debaixo tes accesos claros a Entradas, Páxinas, Comentarios, Medios, Menús, Aparencia, Axustes…. Cada tarxeta explica para que serve antes de que teñas que abrila.
Tamén podes chegar desde aí á túa conta, descargar o contido, conectar unha newsletter ou abrir o centro de axuda. E tes á vista un resumo do sitio e das súas visitas.
Non hai que lembrar en que recuncho de WordPress se cambiaba a portada nin que diferenza había entre cinco pantallas de configuración. O útil está reunido. O resto non estorba.
Un comezo que non te deixa só
Cando un sitio acaba de nacer, o panel amosa os primeiros pasos que realmente importan: revisar o nome, preparar a aparencia, escribir e publicar.
Non é unha lista de tarefas obrigatorias. É unha guía para evitar ese momento no que se crea unha web, aparece unha pantalla chea de opcións e non se sabe por onde comezar.
Se xa tes experiencia, podes ir directamente ao que necesitas. Se é a túa primeira web, o mesmo panel acompáñate sen falarche como se non soubeses facer nada.

E WordPress segue aí
Non ocultamos que fala funciona sobre WordPress. É software libre, sólido e cun formato de contido amplamente utilizado.
O que facemos é poñer unha experiencia máis pequena e coherente por riba. WordPress encárgase da base. fala decide que partes teñen sentido para esta rede e como presentalas.
Isto tamén reduce erros. Se non podes instalar calquera tema, engadir código ou activar unha extensión ao azar, é máis difícil romper o sitio ou abrir unha porta de seguridade sen sabelo.
Entrar, facer, saír
Un panel ben deseñado non debería chamar a atención sobre si mesmo.
Debería permitirche entrar, escribir unha entrada, responder un comentario, cambiar unha cor ou consultar as visitas e seguir co teu día.
Fala 1.0 abre o 20 de setembro. Ata entón podes anotarte na lista de agarda para recibir o aviso.

Deixa unha resposta