Irmandades do Dado e a primeira comunidade online de rol 100% en galego!
O seu sitio en Fala! é un exemplo perfecto de web personalizada e adaptada ás súas necesidades, utilizando as ferramentas que a rede pon a dispor de todas as usuarias.
Imos ver que nos contan:
Quen sodes e cal é o voso sitio? De que trata?
Somos o grupo fundador das Irmandades do Dado, unha comunidade de rol 100% en galego (a única monolingüe, que saibamos). O noso sitio en Fala ten o mesmo nome que a propia comunidade: irmandadesdodado.fala.gal. No sitio, anunciamos as principais actividades e novas e levamos rexistro delas, de forma que a xente poida informarse sobre o que facemos.
Por que decidíchedes crear ese contido?
Cando comezamos o proxecto de Irmandades do Dado, decidimos que usaríamos tres ferramentas: unha delas é o servidor de Discord (https://discord.gg/e5DHBNrSfA), onde a comunidade puidese artellarse, organizarse, charlar e xogar ao rol online, e outra, xa como admins dese servidor, e para axudar a crecer á comunidade, a conta de Twitter (@IrmandadesDado), unha fiestra, aberta a una interacción máis bidireccional e inmediata. A terceira é o sitio web, onde pór a información máis detallada e de forma clara e accesible.
Por que elixíchedes fala.gal para crealo?
Eliximos fala.gal porque nos ofrecía tres cousas: (1) un dominio .GAL (algo que para nós e unha forma máis de promover o galego, que é un dos nosos fins), (2) un sitio web con WordPress (que satisface do mellor dos xeitos as nosas necesidades) e (3) gratuidade.
Que atopades de positivo en fala.gal?
Para nós, hai moitas cousas positivo en Fala, como a proximidade da súa administración ou a promoción do galego, pero quizá destacaríamos as ferramentas que nos ofrece, que son xusto o que precisamos (blog, páxinas, etc.), teñen resultados impecables e son moi doadas de usar (pero moito potencial) e moi versátiles.
Que pensades que o diferencia das Redes Sociais que usamos habitualmente?
A diferencia das redes sociais máis populares e usadas, Fala permítenos a exposición de contidos de forma accesible e independente, escapando das conversas efímeras e caóticas que dominan as outras redes, pero sen renunciar á inmediatez ben entendida e á interacción.
Que outras características pensades que poderían mellorar a rede?
Non se nos ocorre nada no que Fala podería mellorar con respecto ás nosas necesidades, francamente.
Recomendariades a unha amizade abrir un sitio en fala.gal? Se é así, que lle diriades?
Se tivesemos unha amizade buscando unha ferramenta como a que buscabamos nós cando atopamos Fala, si, recomendaríamoslle abrir un sitio aquí. Pensamos que é un lugar perfecto para desenvolver un proxecto sen o ruido da conversa frenética e anémica das redes sociais. Un sitio, ademais, onde non es un producto -como en tantas plataformas de redes sociais-, senón parte dun proxecto dirixido á persoas. Isto nótase e é algo moi de agradecer.