Inicio Blog Xa teño conta

Fala 1.0: así imos construír a próxima etapa da rede

Desde 2020, fala.gal permitiu crear case 500 webs e blogs en galego, de balde e sen coñecementos técnicos. Blogs persoais, asociacións, revistas, proxectos musicais, aulas… Unha pequena rede que medrou máis do que esperabamos e que hoxe é un anaco de internet en galego que paga a pena coidar.

E precisamente por iso toca parar e renovala a fondo.

Se vos gustan os números de versión: todo o que existe ata hoxe foi, na práctica unha (demasiado) longa fase beta que funcionou como puido. Neste artigo cóntovos o que atopamos, o que imos facer e como podedes participar.

O que atopamos ao mirar dentro

Nos últimos meses fixemos unha auditoría completa da rede, e o retrato é claro:

A rede funciona, pero acumulou anos de crecemento sen orde. De todos os sitios creados, arredor dun cento úsanse con regularidade; outros moitos quedaron parados e unha boa parte creáronse e nunca chegaron a arrancar.

Conviven ademais temas e extensións moi distintos entre si, o que fai a rede difícil de manter e desigual para quen a usa: cada sitio funciona á súa maneira, e axudar a alguén implica primeiro descubrir que ten instalado.

A conclusión non foi «isto hai que pechalo», senón a contraria: hai contido e comunidade pero só será sostible cun cambio total de modelo.

Os tres principios da renovación

Simplicidade radical. Un só sistema de deseño para toda a rede, un conxunto coidado de funcións e fóra todo o que estorba. Menos pezas, menos avarías, máis sinxeleza, máis velocidade.

Feito a medida. No canto de acumular extensións xenéricas e pesadas (plugins), as funcións da rede serán pezas propias, programadas a medida, lixeiras e pensadas para fala.gal. As ferramentas actuais coas que contamos axúdanos a construílas e mantelas.

Ben feito desde o primeiro día. Cada sitio novo nacerá xa con xeito: cun asistente de creación guiado, un deseño coherente e todo o esencial configurado.

Que vai cambiar para quen ten un sitio

  • Un deseño novo e coidado, con varios estilos entre os que escoller (e liberdade para poñer as túas cores e tipografías). O contido é teu e segue sendo o centro.
  • Edición máis sinxela: escribir e publicar sen perderse en menús. Un panel novo, claro e en galego, pensado para persoas.
  • Un asistente de alta para crear un sitio novo en poucos pasos, con arranques de exemplo segundo o que queiras montar (web dunha asociación, blog persoal, proxecto profesional…).
  • Máis seguridade e mellor rendemento, con menos carga técnica invisible.

E igual de importante, o que non vai cambiar: fala.gal seguirá sendo gratuíta, en galego e sen publicidade.

O contido publicado nestes anos é patrimonio da lingua: o criterio por defecto é conservalo. Os sitios inactivos, no seu caso, arquivaranse sempre despois de contactar con quen os creou.

Como o imos facer

Farémolo en 5 fases.

  1. Escoitar e preparar a base. Preguntámoslle á comunidade e deixamos listo o alicerce técnico do novo sistema.
  2. Piloto. Uns poucos sitios voluntarios estrearán o novo deseño para probalo en real e afinalo.
  3. Sitios novos. Toda web creada a partir dese momento nacerá xa no sistema novo, co asistente de alta.
  4. Migración. Os sitios activos irán pasando ao novo modelo por quendas, acompañados. Cada quen poderá previsualizar como quedaría o seu sitio. Este punto é especialmente delicado e sabemos que algúns sitios romperán, cambiarán o deseño ou deixarán de funcionar. Queremos deixalo ben claro desde o inicio. É o prezo a pagar. Axudaremos a todas as persoas a que o impacto sexa o menor posible.
  5. Peche da renovación e posta a punto final da infraestrutura.

Dámonos un prazo que rematará o 31/12/2026 para completalas.

Se tes un sitio na rede, revisa o correo

Todas as persoas cun sitio en fala.gal recibiredes un correo desde boletin@fala.gal: unha invitación persoal a contarnos en que punto está o voso sitio, que botades en falta e se queredes ser dos primeiros en probar o novo sistema.

É a peza máis importante desta primeira fase. Se non o vedes, mirade no spam e marcádeo como correo lexítimo.

Seguimos.

Anxo Sánchez

Escrito por

Anxo Sánchez

Deseñador web. Xestiono fala.gal desde 2020 e estou a reconstruíla enteira. Escribo aquí o proceso, incluído o que sae mal.

Deixa un comentario