“Fala pareceume intuitiva para divulgar contidos que poden contribuír a difundir a prehistoria galega”

Felisindo mantén varios sitios na rede de Fala desde hai meses. Neles mostra contidos sobre prehistoria galega, con abundante contido fotográfico.

Se non os coñeces, bótalles unha ollada:

A continuación déixoche co que nos contou Felisindo:

Arredor de Lámbrica, Lámbrica, a Burata da Moura e Diario de Lámbrica teñen a mesma finalidade. Ensinar cousas que pouca xente acorda, e que os máis nin siquera sospeitan, e que moitos -sobre todo dende as administracións culturais- tentan facer esquecer.

Lámbrica” é un topónimo presente nun altar romano, que fotografei en 2007 e que non puiden volver a ver.

Cerca da casa do altar romano está a citania de San Cibrao das Las e Ourantes, destino de moreas de cartos que ruborizarían a calquera, pero que non deron moito de si. Un edificio enorme e feo nunha das mellores citanias de Galiza alberga un museo que non contén as mellores pezas que se atoparon na citania. Enriba, nin se preocupan polo topónimo da devandita ara, que reproduce, aínda sendo romana, unha dedicatoria a unha divindade galaico-lusitana da Idade do Ferro. De feito, ao “museo” chámanlle “lansbrica”. Un bulo de libro.

E o de “arredor”… é porque ningunha cidade, dende que o mundo é mundo, se pode separar da súa contorna ou “hinterland”. Esa contorna é a que lle dá os recursos, comunicacións, alimentos, relacións con outros lugares… Isto tamén se esquece, penso que con intencionalidade, desde a “arqueoloxía oficial”, sempre subvencionada, pra dar a entender que… antes de Roma en Galiza non había ren, e que a citania de Lámbrica saíu soa naquel outeiro… e que… enriba é “romana”. Unha citania romana!!!

No veciño Portugal, todas as citanias que son coma esta non baixan dos séculos IV ou III antes de Xesucristo!

As redes dan a oportunidade de poder completar e rebater moitas das afirmacións categóricas que, dende despachos de arqueólogos e politiquillos, se tentan divulgar como dogma de fe por todo o mundo, á vez que se agochan achados “comprometidos” coma o do tríscele pintado ou certas alfaias en San Cibrao das Las que poden relacionarse con intercambios ou comercio de longo alcance nas idades do Ferro e do Bronce.

É a miña pequena loita…

fala.gal pareceume intuitiva para divulgar estes contidos que poden contribuír un pouco máis a difusión da prehistoria galega, que tamén é cultura, e que recibe moi poucas atencións nas ensinanzas medias. Iso tamén é o que lle diría a algún amigo inquedo que estivera pensando en abrir un blogue ou unha páxina web. A diferenzas coas redes sociais habituais, que tamén utilizo, véxoa na permanencia e accesibilidade dos contidos.

Como parte da cultura… tamén é importante a utilización e a normalización do idioma, maltratado incluso desde as mesmas institucións políticas, cando non tamén dende moitos centros educativos. É unha necesidade, pra poder fixar e normalizar un idioma, que existan plataformas que o utilicen. Os idiomas só viven se se usan. Cando se deixa de falar e de escribir… o idioma morre sen remedio.

Ademais, galego falante dende sempre, levo visto como desaparecen uns vocablos, se corrixen outros… por xente procedente de entornos castelán-falantes, facendo e desfacendo “diccionarios” e “dicionarios”… coido que tentando confundir máis á xente. Por iso é importante escribir e falar galego, non só cando nolo “subvencionan”. Un idioma subvencionado, falado por cartos, tamén é un idioma morto.

Convencido de que sen plataformas como a de fala.gal non chegaríamos a ninguén, aproveito para darvos as grazas pola facilidade pra ofrecer contidos e imaxes de forma tan sinxela, intuitiva e de balde que, pra os que, coma min, non se adican a isto de xeito profesional, sería imposible manter nunha plataforma non gratuíta.

Deixa un comentario