O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova naceu co obxectivo de recuperar e promover os valores cívicos e democráticos a través do coñecemento da historia da súa comarca durante o século XX.
Elixiron Fala! para dar a coñecer as súas investigacións e actividades. Son un dos blogs máis activos da rede, chegando xa ao medio cento de entradas publicadas.
Aí é nada!
Quen es e cal é o teu sitio? De que trata?
Somos un grupo de veciñas organizadas para difundir a memoria histórica da comarca de Celanova, e traballamos en investigar e documentar casos de persoas e colectivos que sufriron a represión fascista, mesmo a morte, durante a guerra posterior ao golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 até os anos da chamada transición.
O sitio leva por nome https://memoriacelanova.fala.gal/
Por que decidiches crear ese contido?
Porque necesitamos dispor de material gráfico e escrito que deixe constancia desa memoria e anime outras persoas a continuar e afondar nas investigacións e o relato da verdade histórica silenciada durante décadas.
Por que elixiches fala.gal para crealo?
Porque é un sitio sinxelo e cómodo. E aposta polo galego.
Que atopas de positivo en fala.gal?
Levamos un ano. A comodidade. E a fiabilidade.
Que pensas que o diferencia das Redes Sociais que usamos habitualmente?
Pensamos que ofrece as ferramentas básicas, e ten o plus de estar construído en galego e para promover a fala.
Que outras características pensas que poderían mellorar a rede?
Ir aumentado as ferramentas a disposición, e crear unha comunidade de sitios fala.gal para axudarnos uns aos outros.
Recomendarías a unha amizade abrir un sitio en fala.gal? Se é así, que lle dirías?
Si. Resumindo o dito: é sinxelo, é fiábel, é galego.
* Imaxe: Xosé Vizoso, durante a restauración do Mural do Furriolo (11/09/2021).