O lugar onde atopar outros sitios web en Fala

Non fas web para o baleiro: o directorio

Publicar o teu sitio web dáche un enderezo estable (ligazón), un arquivo e control sobre como organizas o contido.

Pero ter casa non significa querer vivir illado.

Por iso Fala 1.0 incorporará un directorio de sitios: un lugar para descubrir que se está publicando na rede e para permitir que outras persoas cheguen ao teu sitio.

Atopar e que te atopen

O directorio reúne webs persoais, asociacións, negocios, medios, proxectos culturais e outros sitios que publican en galego.

Podes buscar polo nome ou pola descrición. Tamén podes filtrar por tipo de sitio e por temática.

Isto resolve un problema moi básico. Saber que hai centos de webs na rede serve de pouco se non existe unha maneira de atopar unha sobre música, educación, tecnoloxía, cultura ou sobre o que ti queiras.

Cada ficha leva ao sitio correspondente. Así poderás coñecer novos perfís.

Aparecer é voluntario

O teu sitio non entra no directorio automaticamente.

Nos Axustes hai unha opción para decidir se queres aparecer. Se a activas, escolles a categoría e as temáticas que mellor describen o proxecto. Se non a activas, o sitio segue funcionando exactamente igual, pero non se amosa nesta listaxe.

Tamén podes cambiar de idea. Primeiro non aparecer e logo si.

Un directorio útil non ten por que converterse nun escaparate obrigatorio. Hai webs pensadas para chegar a moita xente e outras creadas para un grupo pequeno, unha aula ou unha comunidade concreta.

Un espazo coidado

Que o directorio sexa voluntario non significa que quede sen coidado.

A administración da rede pode retirar unha ficha se é spam, incumpre as normas ou está mal clasificada de maneira evidente.

É un freo de man para manter a listaxe útil.

A rede tamén se constrúe enlazando

As redes sociais axudan a facer circular unha publicación no momento. O directorio cumpre outra función: permite descubrir proxectos e volver a eles sen depender do que un algoritmo decida amosar hoxe.

Un sitio leva a outro. Un artigo cita outro artigo. Unha asociación atopa un recurso. Alguén chega a un blog que non coñecía e decide gardalo.

Así é como unha colección de webs empeza a parecer unha rede.

Comparte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *