Arroutadas é un xornal dixital cultural que ten Fala! como plataforma de comunicarse co mundo. Preguntámoslle sobre a súa experiencia na rede.
A ver que nos conta:
Quen es e cal é o teu sitio? De que trata?
O meu sitio chámase Arroutadas e trátase dun xornal dixital con contido cultural en galego. Normalmente publico novas sobre o panorama cultural galego como eventos, espectáculos, entrevistas a artistas emerxentes, etc.
Por que decidiches crear ese contido?
Decidín crear este contido por dous motivos; o primeiro porque dende pequena me encanta comunicar e escribir. Sempre quixen estudar xornalismo, pero as dificultades da vida non mo permitiron, polo que pensei que un xornal dixital podía ser un bo xeito de achegarme (ainda que sexa un pouquiño) a ser xornalista.
O segundo motivo é que non vin, dentro da miña ignorancia neste ámbito, moitos xornais que fagan este tipo de contido en galego. A cultura é un tesouro que temos que protexer a toda costa e, sobre todo, a galega.
Por que elixiches fala.gal para crealo?
En realidade penso que fala.gal me elixiu a min. Non tiña nin idea da súa existencia ata que o seu creador, Anxo, contactou comigo e púxome ao tanto. Dende ese momento foi moitísimo máis sinxelo todo o tema de escribir e publicar.
Que atopas de positivo en fala.gal?
O máis positivo de todo é o intuitiva que me resultou a plataforma dende o primeiro momento. Sábese onde está todo e cómo funciona en todo momento e, pola contra, se temos algunha dúbida, Anxo resólvea nun momentiño e rápido.
Que pensas que o diferencia das Redes Sociais que usamos habitualmente?
Penso que as redes sociais de hoxe en día están moi contaminadas, hai demasiada información por todas as esquinas e coido que iso é perxudicial para todos os usuarios que as usan. Nos sitios fala.gal podemos ver cousas reais, noticias reais, sen manipulacións e sen información extra que non precisamos. Non se xulga nin se bombardea a ninguén e iso, nos tempos de hoxe en día é o máis importante á hora de falar dun sitio web ou unha rede social.
Que outras características pensas que poderían mellorar a rede?
Poderíase mellorar, coma todo. É un sitio de recente creación que ogallá teña moito camiño por andar e ademais en galego.
Recomendarías a unha amizade abrir un sitio en fala.gal? Se é así, que lle dirías?
Recomendaríallo a todo o mundo encarecidamente. Diríalle que é un sitio moi, moi guai e inda por riba en galego, cousa que sempre é de agradecer, que probe e logo que decida con qué plataforma lle convén traballar máis.