Crear un sitio en Fala é sinxelo. En poucos minutos podes ter unha ligazón propia, escoller un deseño e preparar a túa primeira publicación.
Pero abrir unha web, blog e construír un sitio que funcione non son exactamente a mesma cousa. A maioría dos problemas non son técnicos. Veñen de non ter claro para que serve un sitio web, querer facer demasiadas cousas ao mesmo tempo ou non pensar en quen vai entrar nela.
Estes son nove erros que convén evitar desde o principio. Se xa tes un sitio, tamén podes empregar a lista para revisalo e melloralo.
Crear o sitio sen decidir para que vai servir
Un blog persoal, a web dunha asociación e o porfolio dunha ilustradora non precisan a mesma portada nin as mesmas seccións.
Se comezas a crear páxinas sen saber que queres conseguir, é fácil acabar cun sitio cheo de apartados pero sen unha dirección clara. O teu visitante tampouco saberá que pode atopar ou por onde debería comezar.
Como evitalo? Completa esta frase antes de preparar o menú ou escoller as cores:
Este sitio serve para _____ e quero que quen entre poida _____.
Por exemplo: «Este sitio serve para reunir as actividades da asociación e quero que quen entre poida consultar as próximas e saber como participar».
Esa resposta axudarache a decidir que debe aparecer na portada, que páxinas necesitas e cal é a acción máis importante do sitio.
Escoller un mal enderezo web
O nome e o enderezo dun sitio non son o mesmo. Podes modificar o nome que se mostra na cabeceira, pero o enderezo o-teu-nome.fala.gal non se pode cambiar desde o panel.
Si, podes contactar con soporte@fala.gal para que cho modifiquemos. Mais non é unha operación que poidas realizar por ti mesmo directamente.
Un enderezo demasiado longo, difícil de escribir ou ligado a unha actividade moi concreta pode deixar de representar o proxecto cando este medre. Tamén convén evitar nomes provisionais que non quererás compartir dentro dun ano.
Como evitalo?
Escolle un enderezo curto, fácil de lembrar e de dicir en voz alta. Se o sitio vai representar un proxecto, emprega o seu nome. Se vai ser persoal, podes utilizar o teu nome, o teu alcume ou unha expresión coa que te identifiques.
Agardar a que todo estea preparado
Un logotipo definitivo, seis seccións, vinte artigos e fotografías perfectas. Se pensas que necesitas todo iso antes de publicar, o máis probable é que o sitio pase meses sen saír.
Ou non saia nunca.
Créeme, teño participado en centos de proxectos webs de clientes e isto repítese constantemente.
Unha web non se remata antes de lanzala. Medra coas páxinas, os artigos e as decisións que tomas despois de ver como se usa.
Como evitalo? Prepara unha primeira versión pequena pero útil. Pode abondar con:
- Unha portada que explique o proxecto.
- Unha páxina para presentarte ou indicar como contactar.
- Un primeiro contido que pague a pena publicar.
Sempre poderás volver, editar os textos, cambiar o deseño e engadir novas seccións.
Facer unha portada que non explica nada
Unha fotografía grande, o nome do proxecto e unha mensaxe como «Dámosche a benvida» poden quedar ben, pero non sempre axudan a entender a web.
Quen chega por primeira vez debería poder responder rapidamente tres preguntas: que é este sitio, quen está detrás e onde pode comezar.
Como evitalo?
Utiliza a primeira parte da portada para explicar o proxecto cun título claro, dúas ou tres frases e unha ligazón cara ao contido máis importante.
Se tes un porfolio, leva aos traballos. Se publicas receitas, mostra as últimas ou as máis destacadas. Se é a web dunha asociación, facilita o acceso ás actividades e á información para participar.

Fíxate na parte inicial da páxina principal de Fala. É interesante e está relacionada co que comentamos por varios motivos:
- Título curto e de impacto que explica que vas conseguir aquí.
- Parágrafo breve que adianta o que se pode facer sen entrar en tecnicismos.
- Botón para comezar.
- Imaxe de apoio, que non molesta mais que reforza a mensaxe.
- E máis importante, isto que ves está creado coas mesmas ferramentas ás que podes acceder ti. É dicir, poderías reproducilo cun pouco de traballo.
Encher o menú de páxinas, categorías e apartados
Ás veces confundimos ter unha web completa con crear moitas seccións. O resultado adoita ser un menú difícil de percorrer, páxinas con moi pouco contido e categorías nas que só aparece unha entrada.
Cada opción nova obriga a quen visita o sitio a decidir onde premer. Pode ser moito lío.
Como evitalo?
Deixa no menú só as páxinas principais. Un inicio, unhas poucas seccións ben diferenciadas e unha forma de contactar adoitan ser suficientes.
No blog, emprega poucas categorías e reserva as etiquetas para aspectos máis concretos. Antes de crear unha categoría, pensa se realmente vas publicar máis contidos dentro dela.
Deseñar cada páxina ao chou
Ter máis opcións de deseño non significa que debas utilizalas todas. Se cambias de cores, tipografías, botóns e composición en cada páxina, o sitio perde unidade e resulta máis difícil de recoñecer.
O deseño debería axudar a ler e entender o contido, non competir con el.
Como evitalo?
Escolle unha base visual e mantena. Utiliza a mesma combinación de cores, os mesmos estilos de títulos e unha maneira coherente de presentar as imaxes.
En Fala podes partir dun deseño e empregar os patróns para crear cabeceiras, chamadas, galerías ou grupos de contido xa preparados. Adáptaos ao que necesitas, pero non comeces de cero en cada páxina.
Escribir títulos e textos que non din nada
«Novidades», «Información» ou «Benvidas á nosa web» poderían aparecer en milleiros de sitios. Non explican que hai detrás da ligazón nin lle dan un motivo a ninguén para entrar.
Tamén custa ler unha páxina formada por un único bloque de texto, con frases demasiado longas e sen títulos que permitan localizar a información.
Como evitalo?:
Emprega títulos concretos e palabras que usaría a persoa á que queres chegar. «Programa da festa do sábado 18» informa mellor ca «Novidades». «Como facerse socia» é máis útil ca «Información».
Divide os textos extensos con subtítulos, mantén os parágrafos centrados nunha idea e enlaza outros contidos do sitio cando permitan ampliar a información.
Non escribas para parecer unha entidade, unha empresa ou un medio sen personalidade. Escribe como falas!
Usar imaxes sen pensar na súa función
As imaxes non están só para encher espazos. Poden ensinar un traballo, identificar unha actividade, explicar un proceso ou facer máis doado percorrer unha páxina.
Unha fotografía borrosa, mal recortada ou sen relación co texto pode producir o efecto contrario. E unha composición que funciona nunha pantalla grande pode resultar incómoda nun teléfono.
Como evitalo: utiliza imaxes que acheguen algo, comproba que tes dereito a publicalas e escolle unha imaxe destacada que represente ben cada contido. Engade texto alternativo cando a imaxe transmita información necesaria.
Antes de publicar, abre a vista previa no móbil. Revisa especialmente a cabeceira, o menú, os títulos, as galerías e os botóns. Non deas por feito que todo se ve ben só porque funciona no ordenador.
Publicar o sitio e esquecerse del
Crear a web non é o final. Un sitio con actividades pasadas na portada, datos de contacto incorrectos ou varios meses de silencio pode transmitir que o proxecto xa non continúa.
Isto non significa que teñas que publicar todos os días. Un sitio persoal pode actualizarse cando hai algo que contar e a web dun evento pode concentrar a súa actividade nunha época do ano. O importante é que o ritmo sexa posible mantelo a longo prazo e teña sentido.
Como evitalo?
Decide que vas poder manter. Pode ser unha entrada ao mes, as novas de cada actividade ou unha revisión antes de cada nova edición do proxecto.
As redes sociais sirven para avisar de que publicaches algo e levar persoas ata a web. O sitio, en cambio, permite ordenar os contidos, conservalos e darlles un enderezo propio. Non son ferramentas incompatibles: fan traballos distintos.
Revisa tamén de cando en vez as estatísticas de Fala. Saber que páxinas reciben máis visitas pode axudarche a decidir que información convén ampliar ou actualizar.
Revisa o teu sitio antes de publicalo
Non precisas unha web perfecta, pero si unha web que se entenda e funcione. Antes de compartila, comproba:
- Sei explicar nunha frase para que serve o sitio.
- O enderezo é fácil de lembrar e segue tendo sentido a longo prazo.
- A portada permite saber que hai na web e por onde comezar.
- O menú inclúe só as seccións importantes.
- As categorías e as etiquetas axudan a ordenar os contidos.
- As páxinas comparten un deseño recoñecible.
- Os títulos explican o que hai detrás de cada ligazón.
- Revisei as imaxes, as ligazóns e a versión para móbil.
- Teño claro cal será a seguinte actualización do sitio.
Se algunha resposta é non, xa sabes que tes que corrixir. E se o sitio leva tempo publicado, non tes que refacelo enteiro: analiza e decide cal é o problema máis importante e corríxeo.

Deixa unha resposta