Con QFB, unha banda Coruñesa de Rapmetal, inauguramos os contidos do blog de fala.gal. QFB foron dos primeiros que abriron un sitio na rede, no cal investiron tempo en personalizalo o seu gusto.
Grazas a ser uns dos pioneiros deseñando visualmente o seu sitio, puidemos mellorar o sistema de formularios da rede e afinamos os temas dispoñibles.
Imos ver que nos contan:
Quen es e cal é o teu sitio? De que trata?
O noso sitio https://qfbrapmetal.fala.gal quere ser a carta de presentación da nosa banda de rapmetal “QFB”.
Por que decidiches crear ese contido?
Decidimos crear este espazo no que ensinarlle ao mundo os concertos que imos falando e que poidan saber quen somos.
Por que elixiches fala.gal para crealo?
Somos unha banda de rapmetal que emprega o galego no 99% do que facemos, polo que queríamos que o aloxamento do sitio web tamén falase en galego.
Cando descubremos o voso proxecto, a decisión foi doada… en galego, .gal e de balde! Demasiado bo para deixalo escapar…
Que atopas de positivo en fala.gal?
Son moitos os puntos positivos, xa falamos do idioma e o .gal… pero e que ademais, sempre que temos unha dúbida ou problema técnico, estades aí para botar unha man.
Que pensas que o diferencia das Redes Sociais que usamos habitualmente?
É o noso recuncho no que eleximos o que queremos amosar sen pedir permiso a ninguén externo. Nas rr.ss. hai moita máis censura e “moito troll”.
Que outras características pensas que poderían mellorar a rede?
Gustaríanos que houbese unha especie de “índice” no que ver/atopar quen está presente en fala.gal
Recomendarías a unha amizade abrir un sitio en fala.gal? Se é así, que lle dirías?
Sempre o recomendamos!
Se andas na procura de aloxamento para o teu sitio web, fala.gal sempre ten que ser a primeira opción, en galego, .gal e de balde! Demasiado bo para deixalo escapar!