Cando anunciei a renovación de Fala abrín unha enquisa para coñecer como se usa a rede e que preocupa ás persoas que teñen un sitio.
Non era un formulario para aparentar que preguntabamos. As respostas teñen que servir para cambiar decisións concretas.
A 25 de agosto de 2026 hai 45 respostas. A maioría son de blogs persoais (20), seguidas de asociacións (9), docencia (5) e revistas (5). E case a metade veñen de sitios que están parados pero que se queren retomar.
O que máis se pediu
A primeira cousa que aparece non é unha petición, senón unha confirmación.
Cando pregunto que bota en falta cada sitio, a resposta máis repetida é «nada». Moita xente valora que Fala sexa sinxelo e que non abrume con funcións que non vai usar. Nunha pregunta pechada sobre as dificultades atopadas, dezanove persoas marcan que a rede lles «funciona ben» e dezaoito recoñecen que o que faltou foi tempo seu, non ferramentas.
Por riba desa base, si hai peticións concretas que se repiten:
- Máis marxe no deseño sen perder a sinxeleza: poder colocar imaxes ou elementos a medida cando o que hai queda curto.
- Ver os datos do propio sitio: as estatísticas de visitas e canto espazo se está a ocupar.
- Máis vida en común: unha forma de atoparse coa xente que tamén publica en galego, non só publicar cada un pola súa conta. Pediuse en concreto un buscador e etiquetas na lista de sitios.
- Funcións soltas moi identificables: ecuacións matemáticas, duplicar entradas, escribir desde o móbil ou conectar co fediverso.
As peticións deben agruparse por necesidades, non por persoas. O importante non é reproducir cada resposta, senón entender que problemas aparecen varias veces.
Cando pregunto polo que sobra, a resposta volve ser maioritariamente «nada»: as poucas queixas apuntan aos menús de WordPress e a algún control que non se sabía como quitar, non a un exceso de funcións.
Hai propostas que encaixan directamente no plan de Fala 1.0. Outras poden ser útiles, pero non é posible incorporalas agora. E tamén hai peticións que aumentarían de novo a complexidade que estamos intentando reducir.
O que máis medo dá perder
A enquisa non pregunta directamente polo medo, pero está presente en moitas respostas.
O que máis se repite é o temor a que a renovación complique o que hoxe é sinxelo: cando alguén escribe que o valor de Fala é «non marear con mil funcións», está dicindo tamén que non quere que iso se perda.
O segundo é máis persoal: quen dedicou tempo a deixar o seu sitio ao seu gusto teme que a renovación desfaga ese traballo.
E un terceiro, menos frecuente pero moi de fondo, é a permanencia: hai quen entende o seu blog como unha semente para dentro de moitos anos e o que lle importa é ter o futuro asegurado na rede.
A renovación afectará o deseño de todos os sitios, pero non do mesmo xeito. O contido, as imaxes e os enderezos das páxinas deben conservarse. O que pode cambiar son determinadas configuracións visuais, maquetacións ou funcións ligadas a temas e plugins que deixarán de formar parte da rede.
Non sería honesto prometer que todo quedará exactamente igual.
O compromiso é outro: non mover un sitio sen avisar, permitir revisar o resultado e intentar reconstruír o que sexa realmente importante cando non se poida trasladar de maneira automática.
Aos tres medos respondo por orde.
- Á simplicidade: a renovación vai xustamente na dirección contraria á complexidade. Hai menos pezas, non máis. O que antes se facía tocando menús agora resólvese con opcións claras.
- Ao traballo de deseño xa feito: ninguén perde o seu contido nin os enderezos das súas páxinas. Cada sitio poderase ver antes e despois de migrar, nun modo de proba que non toca nada ata que se acepta.
- Á permanencia: o criterio da rede é conservar, non borrar. Un sitio inactivo pode arquivarse, pero non desaparece.
Cousas que cambiaron no plan
Esta é a parte máis importante da enquisa. Se nada cambia despois de preguntar, preguntar non serve de moito.
O primeiro cambio ten nome. Varias respostas pedían poder atoparse coa xente que publica en galego, e unha en concreto botaba en falta un buscador e etiquetas na lista de sitios, porque hoxe só se ven os últimos blogs creados e os últimos actualizados.
Por iso o novo directorio de sitios leva busca e filtros por tipo de sitio e por temática. E ampliei as temáticas dispoñibles despois de que unha usuaria botase algunhas de menos.
O segundo sae da petición de ver os datos do propio sitio. Fala 1.0 vai traer un panel de estatísticas para cada persoa sen depender de servizos externos que rastrexen a quen visita. Era algo que hoxe non se podía consultar.
O terceiro é máis pequeno pero concreto. Quen escribe pediu poder poñer ecuacións matemáticas: o novo editor xa inclúe un bloque de fórmulas. E o fediverso, que tamén apareceu, poderase activar sitio por sitio para quen o queira.
Non chega con dicir que “teremos en conta as opinións”.
O que non vou facer
Houbo peticións que non vou incorporar, e prefiro dicilo.
Non vou abrir a instalación libre de plugins nin permitir inserir código a medida en cada sitio: é xustamente o tipo de cousa que trouxo o problema técnico que motivou a renovación.
Se estás lendo toda a serie de artigos onde explico que se está facendo, xa saberás todos os problemas que provocou isto.
Tampouco vou instalar unha ferramenta externa diferente cada vez que apareza unha necesidade moi concreta. Antes de engadir unha peza nova hai que comprobar se pode resolverse co propio WordPress ou cunha función a medida que sirva para toda a rede.
Iso pode significar que algunhas opcións actuais desaparezan. E outras novas tarde un pouco en sair.
Prefiro dicilo agora e explicar os motivos, en lugar de gardar silencio ata o momento da migración.
A enquisa segue aberta
As respostas recibidas ata agora xa están axudando a ver cousas que desde a administración da rede non sempre se perciben. Recorda que a enquisa está en nova.fala.gal por se queres completala.
Calquera cousa xa sabes que me tes en soporte@fala.gal.

Deixa unha resposta