Que vai pasar co teu sitio de Fala, paso a paso

Este é o artigo que convén ter á man cando chegue o momento de migrar o teu sitio.

Non todos os sitios cambiarán igual. O impacto depende do tema que utilicen, das personalizacións e da maneira na que se construíron as páxinas.

Cando lle toca a cada sitio

A renovación farase por fases. Non se cambiarán todos os sitios ao mesmo tempo.

Antes de actuar sobre o teu, recibirás un aviso coa información necesaria.

Os primeiros afectados serán os novos sitios creados a partir do 20 de setembro. Eses xa se construirán co novo formato de rede.

Daquela tamén se migrarán de xeito automático todos aqueles sitios que, por ser recentes ou non estar activos, non teñen contido de seu.

Finalmente, haberá unha moratoria de ata finais de outubro para o resto de migracións, que deberán ter lugar entre o 20 de setembro e o 31 de outubro.

Se o fas antes, mellor. Senón, o 31 de outubro forzarase a migración do teu sitio.

Non tocaremos un sitio sen informar previamente á persoa responsable.

Tres niveis de impacto

Os sitios que xa utilizan un tema moderno de bloques serán os que noten menos cambios. Parte do seu contido xa está construído co sistema no que se basea Fala 1.0.

Os sitios con temas clásicos como GeneratePress, Astra, Kadence, Sydney ou Go terán cambios máis visibles. Eses temas deixarán de estar dispoñibles e haberá que trasladar a configuración ao tema fala.

Os sitios moi personalizados serán os máis delicados. Determinadas cabeceiras, composicións ou funcións poden depender dun tema ou dun plugin concreto. Neses casos será necesario reconstruír partes.

Como saber en que grupo estás

Se tes curiosidade, podes ver que tema usa a túa web en «Aparencia → Temas» dentro do teu escritorio. Iso non cambia nada: só é información para facerte unha idea de canto pode notar o cambio o teu sitio.

Se non sabes que tema utiliza a túa web, non necesitas investigalo pola túa conta. A rede xa dispón desa información e poderá clasificar cada caso.

O nivel de impacto será unha estimación inicial. A proba visual pode descubrir particularidades que non aparecen na análise automática.

Poderás velo antes

A intención é ofrecer un modo de proba para ver o sitio co novo sistema antes de confirmar o cambio.

O teu sitio seguirá publicado co seu aspecto actual mentres tanto. O modo de proba é unha vista aparte, só de lectura, que che ensina como quedaría co tema fala sen tocar o que está en liña.

A proba debe permitir revisar o aspecto, navegar polas páxinas principais e detectar elementos que non se trasladaron ben.

Se o resultado non é correcto, poderase volver atrás mentres se revisa o problema.

Non quero que a primeira vez que vexas o novo deseño sexa despois dun cambio irreversible.

O que se conserva

O contido das entradas e páxinas debe conservarse.

Tamén as imaxes e os ficheiros xa subidos.

Os enderezos das páxinas deben manterse para que as ligazóns existentes continúen funcionando.

Esta é a prioridade principal da migración. O deseño pode cambiar. O publicado non debería desaparecer.

O que pode perderse

Algunhas configuracións visuais non se poden trasladar directamente dun tema a outro.

Pode cambiar o tamaño dunha cabeceira, a posición dun menú, unha combinación de columnas ou unha tipografía.

Tamén poden deixar de funcionar elementos que dependan de plugins que se retiren.

Intentaremos automatizar o máximo posible, pero non vou prometer que todo quede exactamente igual.

Como prepararte

Revisa as páxinas principais do teu sitio.

Anota que elementos son imprescindibles: unha portada concreta, un formulario, unha listaxe ou unha sección que non pode desaparecer.

Tamén é bo eliminar borradores ou probas que xa non necesites, aínda que non é obrigatorio para a migración.

Se hai algo que non pode faltar, avísanos escribindo a soporte@fala.gal. Así queda anotado e téñese en conta na migración.

Se algo rompe

Pode ocorrer que unha páxina non quede ben ou que unha función deixe de responder.

Nese caso haberá unha canle de soporte para comunicar o problema.

soporte@fala.gal

Os erros que afecten ao acceso ao contido ou ao funcionamento básico terán prioridade sobre os axustes puramente visuais.

O proceso non parte da idea de que nada fallará. Parte da idea de detectar os fallos antes, poder volver atrás e corrixilos cun procedemento común.

Comparte

2 respostas a «Que vai pasar co teu sitio de Fala, paso a paso»

  1. Avatar de Ana Arias

    Moitas grazas por informar. Moi útil. Un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *