Quen paga Fala.gal

Fala.gal é gratuíta e non ten publicidade.

É normal preguntarse onde está a trampa.

Non a hai. Pero unha rede gratuíta non é unha rede sen custo. Hai servidores, mantemento, actualizacións e horas de traballo, para unha rede de máis de 400 sitios.

Convén explicar quen sostén todo iso.

Non vendemos datos nin publicidade

Fala.gal non se financia mostrando anuncios.

Tampouco vende datos das persoas usuarias nin utiliza a rede como porta de entrada para unha versión comercial.

Non existe un plan gratuíto limitado e outro de pago con máis funcións.

Desde 2020, a idea foi ofrecer un espazo onde crear webs e blogs en galego sen custo e sen coñecementos técnicos.

Nese tempo permitiu crear case 500 sitios.

Dinahosting sostén a infraestrutura

A infraestrutura está patrocinada por Dinahosting desde o inicio do proxecto.

Iso inclúe os recursos técnicos necesarios para que a rede estea en liña.

Quero agradecerllo con claridade porque sen ese apoio Fala.gal non podería manter o mesmo modelo.

O custo que non aparece nunha factura

A infraestrutura é só unha parte.

Manter unha rede de centos de sitios implica actualizar WordPress, revisar problemas de seguridade, responder consultas, reparar erros e tomar decisións sobre a evolución do sistema.

Tamén require desenvolver a renovación actual, preparar migracións e comprobar que o contido se conserve.

Ese traballo tradúcese principalmente en tempo.

Tempo que non cheguei a cuantificar exactamente, pero tradúcese en centos de horas do meu traballo e, polo tanto, miles ou decenas de miles de euros ao cambio.

Fala.gal non ten un equipo permanente nin un modelo de negocio detrás. Xestiónoa eu, con axudas puntuais doutros compañeiros e colegas aos cales agradezo moito. CRACKS todos eles.

Isto explica tamén por que algunhas melloras tardaron e por que a rede acumulou problemas. O proxecto medrou máis que a súa capacidade de mantemento.

Por que seguirá sendo gratuíta

A renovación non ten por obxectivo introducir unha versión de pago a curto prazo.

Sempre tiven esa idea na cabeza no caso de ver viabilidade, pero actualmente non a vexo. Polo que, polo momento, non haberá nada polo que pagar.

Fala.gal seguirá sendo gratuíta, en galego e sen publicidade.

Precisamente por iso é necesario simplificar a plataforma. Canto máis complexa sexa, máis tempo require e máis difícil resulta sostela sen ingresos.

Un único tema, menos plugins e funcións pequenas a medida non son só decisións técnicas. Son a condición para que o modelo gratuíto continúe sendo viable.

Que faría falta para facela máis sólida

Máis mans voluntarias ou diñeiro para pagalas.

Máis recursos permitirían responder antes, documentar mellor o sistema e desenvolver novas funcións con máis continuidade.

Pero non quero presentar a renovación como unha campaña para pedir cartos nin prometer unha estrutura que aínda non existe.

Neste momento, a prioridade é deixar unha base que poida manterse coas capacidades reais do proxecto.

Como axudar sen diñeiro

A maneira máis directa de apoiar Fala.gal é utilizala.

Crear un sitio non serve de moito se queda baleiro. Publicar, actualizar e enlazar contido en galego dá sentido á infraestrutura.

Tamén axuda recomendar a rede a persoas, asociacións ou proxectos que necesiten unha web sinxela na nosa lingua.

E, durante esta renovación, axuda participar nas probas e avisar dos problemas.

Fala.gal non ten unha trampa comercial detrás. Ten un patrocinio técnico, traballo humano e unha comunidade que publica.

A mellor maneira de que continúe é que a rede se use para o que foi creada: poñer máis galego en internet.

Comparte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *