Un dos puntos fundamentais en todo proxecto web é o aloxamento. Desde case o primeiro día dinahosting puxo todas as facilidades para que a rede de Fala funcionase do xeito máis optimizado posible.
Falamos con Adriana Freire, membro do equipo de comunicación de dinahosting. A ver que nos conta!
Por se queda alguén que non vos coñeza, que é dinahosting?
Somos unha empresa galega dedicada ao rexistro de dominios e xestión de aloxamento web: hosting, VPS e Servidores Dedicados. Nacemos no ano 2001 e temos a nosa sede en Santiago de Compostela.
Os nosos servidores están localizados en Madrid, onde aloxamos as webs dos máis de 190.000 usuarios que nos confían a súa presenza online.
Un dos nosos sinais de identidade é o servizo de soporte técnico que prestamos, todos os días do ano e a calquera hora, en galego, español, catalán, portugués e inglés.
Que vos levou a apoiar un proxecto como fala.gal?
En dinahosting sempre amosamos o noso compromiso co uso do galego no ámbito empresarial, pois consideramos que é clave para o proceso de normalización da lingua.
Ademais, dotamos de infraestrutura de aloxamento a centos de proxectos sociais, educativos ou culturais que precisan ter presenza na rede. Con fala.gal non podía ser doutro xeito.
Que destacariades dun proxecto como Fala?
Todos os proxectos que favorezan a creación de contido en galego en Internet teñen o seu mérito.
No caso de Fala, apoiarse en WordPress para levalo adiante é, sen dúbida, un acerto. Para moitas persoas xa é unha ferramenta familiar, e a quen non a coñece aínda resultaralle moi intuitiva. WordPress permite compartir textos e material gráfico sen complicacións, dende unha interfaz facilmente personalizable.
Poden convivir os blogs e as redes sociais?
Claro que si! De feito, funcionan de forma completamente distinta. O consumidor de blogues busca un contido máis pausado e reflexivo, e nas redes predomina o inmediato e perecedeiro.
O bo é que poden retroalimentarse. As redes sociais son unha ferramenta fantástica mediante as que levar tráfico cara ao teu blogue. Ademais, axúdanche a conectar co teu público dunha forma máis directa, por exemplo, mediante mensaxes privadas. Tamén che poden ser útiles á hora de lanzar concursos ou sorteos cos que chegar a máis xente e expandir a túa marca.
O que nós recomendamos sempre é comezar cun blogue ou cunha web sinxela, posto que che dan independencia ao 100 %. É dicir, non dependes de plataformas de terceiros que nun momento dado che poden deixar sen servizo, como ocorre coas caídas de Facebook, Instagram ou WhatsApp. Ademais as redes son pasaxeiras, e as que se usan hoxe xa non se usarán mañá. Pola contra, a web ou blogue son a base sobre a que se sustenta a presenza online da marca. Calquera que se atope coa túa marca en redes sociais acudirá á túa web para saber máis sobre o teu proxecto.
Que consellos lle dariades a unha persoa que está comezando escribir contidos no seu blog?
O primeiro, e o máis importante, é que busque ben o seu oco dentro do universo de blogues que xa hai. Para iso a clave está en escoller un tema co que realmente se sinta cómoda e do que saiba que non se vai aburrir de falar.
Tamén lle diríamos que defina unha estratexia para posicionar os seus contidos. Formarse en SEO ou botar man de quen sabe é fundamental para que o traballo do creador de contido se vexa recompensado en forma de visitas.
Por último, lembrar que un blogue non comeza a ser rentable de hoxe para mañá, polo que é moi importante marcarse uns obxectivos realistas. Canto menos de primeiras, non hai que velo coma un vía de xeración de ingresos, senón coma unha ferramenta a través da que potenciar a túa marca persoal como profesional no teu sector.
Como vedes a situación do galego en internet? Como se pode mellorar?
Cremos que falta información sobre as vantaxes de incorporar o galego no sector socioeconómico. Para dinahosting, por exemplo, a lingua é un selo de distinción que nos aporta valor de identificación e nos axuda a posicionarnos e a segmentar mellor as nosas comunicacións.
As empresas e institucións podemos contribuir incorporando o galego nas nosas páxinas web, redes sociais, campañas de publicidade… ou calquera outra canle de comunicación que teñamos cos clientes. Usar a lingua é a mellor maneira de demostrar que é útil e rendible.
Cada un, individualmente, tamén pode ir mudando as súas prácticas comunicativas. Por exemplo, consumindo contido audiovisual en galego, escollendo o idioma galego naquelas webs que o ofrecen ou configurando o seu navegador de Internet neste idioma. A quen se lle dea ben a tradución, mesmo pode colaborar co software libre nas traducións ao galego de proxectos open source.
Por suposto, tamén é importante contar con apoio por parte da Administración.