Rematou a migración a Fala 1.0

En setembro lanzamos Fala 1.0 e abrimos a migración para os sitios que xa formaban parte da rede. Agora podemos dar esa etapa por rematada: os sitios que continúan activos en Fala xa funcionan sobre a nova plataforma.

Non é só un cambio de deseño.

Deixamos atrás unha rede construída con temas e ferramentas diferentes para pasar a unha base común. Isto permítenos coidar mellor todos os sitios, engadir melloras para toda a rede e ofrecer un panel máis claro, integramente en galego.

Un lugar máis completo para crear en galego

Con Fala 1.0 podes crear un blog, unha web persoal, o sitio dunha asociación, un espazo para un proxecto, unha revista ou un arquivo de todo o que vas publicando.

Podes escribir entradas, crear páxinas, subir imaxes e documentos, organizar o contido con categorías e etiquetas e preparar os menús. Tamén podes escoller cores e tipografías, adaptar a cabeceira e o pé, consultar as visitas, decidir que contidos queres mostrar nos buscadores e descargar unha copia do teu sitio cando queiras.

Todo isto sen instalar nada, sen ocuparte do servidor e sen anuncios nos teus contidos.

Seguimos avanzando

O lanzamento non foi un punto final. Desde setembro xa publicamos Fala 1.1, Fala 1.2 e varios axustes posteriores:

  • Melloramos a xestión das categorías, as etiquetas e as imaxes.
  • Engadimos máis opcións para as cabeceiras, os menús e as subpáxinas.
  • Facilitamos a importación desde Blogger e WordPress.com.
  • Introducimos pequenos cambios no editor, na axuda, no SEO e no uso desde o móbil.

As melloras chegan a todos os sitios sen que cada persoa teña que actualizar nada pola súa conta. Esa é unha das vantaxes máis importantes de compartir unha mesma plataforma.

Agora, a publicar

Se xa tiñas un sitio en fala, o teu enderezo e o teu contido seguen aí. Entra no panel, revisa as opcións de aparencia e continúa publicando.

E se aínda non tes sitio, este é un bo momento para comezar. Crea o teu sitio gratis en galego e dálle un lugar propio ao que queres contar.

Comparte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *