Daniel abriu o seu sitio hai poucos meses, pero desde ese intre actualiza de xeito periódico e constante. Nel, reflexiona e analiza diferentes temas de actualidade.
Déixoche con el.
Quen es e cal é o teu sitio? De que trata?
Son Daniel Seixo, columnista en diferentes medios de comunicación e autor do blogue obardodescamisado.fala.gal, un espazo no que quero xuntar a análise política e social de Galiza, pero tamén unha mirada ó mundo desde nosa propia terra. Internacionalismo, socialismo e costumismo nun blogue que espera poder contribuír nas súas humildes posibilidades ó xornalismo e a cultura libre que precisa a nosa terra. Entrevistas, reportaxes longas, artigos de opinión e poesía serán as bases para iso.
Por que decidiches crear ese contido?
A idea xorde tras un tempo participando en diferentes medios do estado espanhol e tras comprobar como o estado do xornalismo nese ámbito ademais de afastarse das necesidades da Galiza, tamén se pechaba paso a paso polas esixencias da empresa privada sobre os profesionais do xornalismo. Nese momento decido crear este blogue para poder escribir de forma libre e facelo ponhendo unha mirada en Galiza, pero tamén cunha mirada para poder analizar o que sucede na nosa contorna inmediata e en calquera outro punto do planeta. Resulta preciso repensar Galiza e á súa vez repensar a nosa posición no mundo como galegos.
Por que elixiches fala.gal para crealo?
Considero que un proxecto comunitario desta índole resulta realmente adecuado para o tipo de contido que quero transmitir aos meus lectores. Non basta con escribir a minha opinión nas redes, senón que busco crear comunidade e para iso fala.gal paréceme o lugar perfecto.
Que atopas de positivo en fala.gal?
A posibilidade de tecer redes de comunicación con outras voces da Galiza e cos diferentes lectores. Creo que crecer xunto con outros moitos proxectos é unha forma de dotar de sentido a un mundo tan etéreo como as redes sociais.
Que pensas que o diferencia das Redes Sociais que usamos habitualmente?
Sen dúbida a súa orixe nacional. É algo noso, algo propio, algo que ten por tanto posibilidades de saltar das computadoras para crear comunidade no noso día a día.
Que outras características pensas que poderían mellorar a rede?
Sen dúbida a conexión con outros proxectos, medios de comunicación, asociacións e mesmo partidos resulta vital para seguir crecendo. Como en calquer proxecto neste país, resulta vital que a xente o abrace como unha ferramenta propia que nos permita asomarnos ao mundo e que o mundo se asome á nosa realidade e o noso potencial como pobo.
Recomendarías a unha amizade abrir un sitio en fala.gal? Se é así, que lle dirías?
Sen dúbida. Diria-lhe que quero escoitar, todos temos unha historia que contar e fala.gal naceu como un altofalante á nosa disposición para isto.