Facer unha ferramenta máis simple reduce as dúbidas. Non as elimina.
Ás veces non sabes como organizar a portada. Un vídeo non aparece como esperabas. Queres recuperar un sitio, conectar o fediverso ou facer algo que non está entre as opcións do panel.
Neses momentos, fala non debería limitarse a deixarte diante dunha mensaxe de erro.
Guías dentro do panel
O novo centro de axuda vive no mesmo lugar desde o que xestionas o sitio.
As guías están escritas en galego e organizadas por temática e nivel. Podes percorrer as categorías, filtrar o contido ou buscar directamente o que necesitas.
Unha guía explica que é unha función, cando ten sentido utilizala e como facelo. Cando o proceso se entende mellor vendo a pantalla, pode incluír tamén unha demostración en vídeo.
Non é un manual de WordPress traducido. As explicacións están feitas para as pantallas e as decisións reais de fala. Se unha opción non existe no teu panel, a guía non che manda buscala.
Da guía á consulta
Pode ocorrer que unha explicación xeral non resolva o teu caso.
Por iso, o paso seguinte á guía é facer unha consulta.
Escolles o tema, resumes o problema nunha liña e contas que estabas intentando facer, que esperabas que pasase e que ocorreu.
Se hai unha páxina concreta, podes pegar o seu enderezo. Nalgúns puntos do panel, como unha incrustación que non funciona, a consulta xa se abre co contexto preparado para non obrigarte a empezar de cero.
A conversa queda gardada
As consultas non desaparecen despois de premer en Enviar.
No panel podes ver as que tes abertas, o seu estado e as mensaxes da conversa. Cando recibes unha resposta, podes continuar no mesmo fío. Se unha consulta estaba pechada e engades información nova, volve abrirse.
Isto evita ter un problema repartido entre correos soltos e permite conservar o contexto: que sitio era, que se probou e que queda por resolver.
Non vou prometer un tempo de resposta fixo que o proxecto non poida cumprir sempre. O compromiso é máis concreto: hai unha canle de soporte dentro do produto e as preguntas non caen nun formulario sen seguimento.
A axuda tamén forma parte da ferramenta
fala está pensada para persoas con experiencias dixitais moi distintas.
Iso non se resolve facendo que todo pareza fácil. Resólvese eliminando complexidade innecesaria, explicando o que permanece e ofrecendo unha saída cando unha situación necesita atención humana.
Unha boa guía permíteche continuar pola túa conta. Unha boa consulta resolve o que non cabía na guía. E as dúbidas que se repiten serven para mellorar a documentación seguinte.
Fala 1.0 abre o 20 de setembro. Podes anotarte na lista de agarda para recibir o aviso.

Deixa unha resposta